O Campus de Lugo
O Campus Universitario de Lugo nace dun proceso de descentralización territorial da Universidade de Santiago de Compostela, institución con 510 años de historia, e unha das máis prestixiosas de Europa.
Lugo tiña anceios de Universidade, e desde sempre houbo a aspiración de que a cidade fose sede universitaria de titulacións que fixesen directa referencia á vocación agro-gandeira das terras lucenses.
A preocupación da Deputación provincial de Lugo foi esencial para que Lugo chegase a ser cidade universitaria.
Xa nos primeiros tempos, nos anos setenta, cando se forma o Patronato Nosa Señora dos Ollos Grandes para o fomento das ensinanzas universitarias en Lugo, a Deputación Provincial tivo un principal papel tanto de xestión como económico e político, apostando de forma decisiva por lograr unha cidade universitaria para Lugo.
O Colexio Universitario de Lugo foi o primeiro gran logro deste Patronato.
O Campus Universitario de Lugo ten hoxe na cidade un emprazamento privilexiado sobre o val do Miño, na antiga finca da Deputación Provincial, e constituíu un singular polo de atracción para a poboación, xa que arredor del naceu e segue medrando un novo Lugo, que ocupa os terreos que antes foron A Tolda, Fingoi, Magoi e Augas Férreas, e é o punto de referencia para a vida comercial, residencial e nocturna dos lucenses.
O Campus de Lugo ten na actualidade preto de 600 profesores e 8.000 alumnos. E a economía e a vida lucenses non se entenderían hoxe (non serían posibles do mesmo xeito) sen a realidade dos centros universitarios do Campus de Lugo.

VANTAXES DE ESTUDIAR EN LUGO

Para as xentes desta provincia, que exista na cidade de Lugo esta interesantísima oferta universitaria é garantía de cultura e de progreso.
A formación é da máis alta calidade, a oferta moi variada, e os estudios efectuados en Lugo resultan moito máis económicos para as familias lucenses que os cursados noutros Campus, e garanten futuros postos de traballo e impulsión dentro da xeografía provincial.